O noso nome ten aroma a chocolate. Se liches Que é isto?, a estas alturas xa sabes o por que. E é que desde o século XIX, A Coruña converteuse nun porto no que se descargaba gran cantidade de cacao de moi boa calidade. Pronto empezaron a nacer e consolidarse as fábricas de chocolate, que convivían harmoniosamente na zona centro da cidade. Aquí unha crónica da Coruña cascarilleira.
As fábricas de chocolate
Na rúa Estreita de San Andrés podiamos atopar La Proveedora Gallega de Chocolates y Caramelos Juan Vázquez Pereiro, que funcionou de 1906 a 1990. Aínda que o edificio xa non existe, polo menos a súa fachada principal quedará inmortalizada para sempre na portada do disco “Fábrica de Chocolate” da Elephant Band, formación na que militou Xoel López antes de ser Xoel López e mesmo antes de ser Deluxe. Con este título, buscaban unha homenaxe a Willy Wonka e a súa factoría chocolateira, posto que esta obra nada da mente de Roald Dahl é un dos fetiches da banda.
Camiñando cara ao Camino Nuevo chegábase á Avenida de Rubine, dedicada ao empresario Fernando Rubine e Firpo, un home que sempre quixo marchar da nosa cidade, pero ao final, por circunstancias, nunca chegou a facelo. Home polifacético onde os haxa, foi empresario, político e xornalista, chegando a fundar dous diarios que non terminaron de callar. Na súa faceta comercial foille moito mellor. Rubine e Hijos aínda opera hoxe en día como consignataria de barcos. Pero don Fernando tamén foi chocolateiro e tivo a súa fábrica “La Española” na rúa que hoxe lembra o seu nome. O Concello decidiu dedicarlle esta vía tras a súa morte en 1885 durante un pleno da Deputación. Ata non fai tanto, para referirse a esta zona da nosa cidade, dicir “a rúa do chocolateiro” era suficiente.
Aínda que neste caso a fábrica é carballesa, podemos citar outro chocolate con soleira na cidade como é o de Chocolates Mariño, empresa que foi fundada por Severino Mariño en 1927 e que leva 90 anos fabricando o chocolate de maneira artesanal, desde o toste do gran, a súa moenda, a separación da cascarilla, amasado, marcado e mesmo o seu empaquetado.
Os costumes
No primeiro terzo do século XX o chocolate era servido en diferentes establecementos, abundando nos cafés de faladoiro. Prodúcese o paso da xícara á cunca como recipiente e o chocolate pasa a formar parte da vida das clases acomodadas, servíndose á hora da merenda como agasallo para as visitas. Dicíase que a Rúa Real “recendía” a chocolate cando un paseaba por ela, o cal nos dá unha idea da popularidade que chega a alcanzar o produto neste momento histórico.
Durante a Guerra Civil o consumo de chocolate redúcese de forma drástica debido ao desabastecemento xeral. Unha vez terminado o conflito, azucre e cacao son algúns dos produtos que pasan a estar sometidos a racionamento. Así que empezan a aparecer sucedáneos do chocolate, como o de algarroba, e recórrese a alternativas como usar a cascarilla de novo no ciclo de produción.
É aquí cando nace este costume tan herculino de usar a casca do cacao, que ata entón se tiña considerada como un refugallo que se obtiña ao manipular o produto, para preparala en forma de bebida. É aquí cando ferroláns, santiagueses e xentes doutras partes de Galicia bautizan aos coruñeses como “cascarilleiros“. Os locais que serven cascarilla empezan a aflorar na cidade herculina. Os clientes debían levar consigo o seu propio pan, xa que o máis habitual era facer sopas con el.
Cando se recupera un pouco a economía renace a tradición de tomarse un chocolate, e así, en 1945 e 1949 respectivamente, desembarcan na Coruña El Timón e Bonilla a la vista, clásicos coruñeses do chocolate con churros que se miran desafiantes desde lados opostos da rúa, e que tantas disputas xeraron entre familias e amigos. Elíxese ben novo una churraría, e hai que defendela a morte para sempre.
O declive
No tramo final do século XX as fábricas artesanais de chocolate entran en declive debido aos novos procesos de industrialización. A medida que foron pechando as chocolaterías, fórono facendo tamén aqueles comercios onde se servía ou se podía tomar cascarilla. Como resulta lóxico, aos poucos este produto tan coruñés foi desaparecendo da circulación.
E así son as cousas, a cascarilla pasa de ser un artigo usado por pura necesidade, a converterse en algo gourmet e de luxo. Poderiamos mesmo dicir que está case en perigo de extinción. De feito, son poucos os establecementos que aínda a venden. No ano 2014, o Concello da Coruña quixo recuperar esta tradición organizando un evento gastronómico, suceso que non tivo réplica nos anos posteriores. Nós tamén queremos axudar a conservar a memoria desta tradición, que non deixa de ser a memoria da nosa cidade. Queremos restablecer o orgullo coruño. Queremos recuperar a Coruña cascarilleira. Por iso, nos nosos paseos, a cascarilla sempre ten un papel protagonista.
A nosa cascarilla
Traballamos con Essenzo Cacao, un pequeno produtor cullerdense que fabrica chocolate á antiga usanza: partindo do gran de cacao. Guillermo traballa con materias primas de diferentes orixes e fai produción en pequenos lotes. Se che interesa o tema, podes visitar a súa páxina web.