Somos guías de turismo apaixonados pola nosa cidade, A Coruña. Despois de 11 años de traxectoria profesional ligada ao sector, decidimos crear o noso propio proxecto: Cascarilleiros.
Se algo temos claro, é que non toda a historia foi contada. É por iso que, nos nosas rutas, buscamos centrarnos en zonas e espazos que non se inclúen nos circuítos turísticos e culturais tradicionais. Apostamos pola natureza e os espazos ao aire libre. Por rachar coas dinámicas típicas entre público e guía. Queremos facer sentir a cada persoa da mesma maneira que se fósemos de paseo cuns amigos que non coñecen a cidade.
Ofrecemos saír a camiñar, a vivir o momento, a rirnos. Sen présa! Parando para escoitar o son do mar, a experimentar os aromas, sacar fotografías… E é que os nosos paseos teñen moito tamén de sensorial. Queremos que as persoas non se limiten a escoitar, se non que sexan parte activa das mesmas, que se impliquen e sexan capaces de sentir o que lles estamos contando. E de paso que aprendan cousas sobre a nosa historia e a nosa cultura. Seredes desta maneira os nosos acompañantes os que ides decidir o rumbo do itinerario.
Se chegaches ata aquí, seguramente te esteas a preguntar de onde sae o nome do noso proxecto, e, sobre todo, por que o escollemos? Contámoscho de seguido…
Os cascarilleiros
A cascarilla é algo propio da identidade da Coruña. Nun porto no que se descargaba gran cantidade de cacao, a casca do mesmo empezou a ser un produto que se consumía bastante en forma de infusión, en gran medida porque resultaba máis barato. Por ese motivo, as xentes de Santiago de Compostela, Ferrol, etc., empezaron a referirse aos cidadáns herculinos como “cascarilleiros”.
O alcume, que tiña certa intención burlesca, foi asumido polos coruñeses con orgullo, converténdoo no xentilicio non oficial da cidade. Queremos recuperar esta tradición, facendo que a cascarilla sexa moi protagonista no que facemos. E queremos espertar ese orgullo coruño tanto en locais como en forasteiros.
A cascarilla ten múltiples propiedades beneficiosas debido ao seu alto contido en magnesio, acedos oleico e linoleico, vitaminas e pectinas. Así que é recomendable tomala para a saúde gastrointestinal, para o cansazo, debilidade ou astenia, para a inflamación e retención de líquidos e como fonte de fibra. Os paseos cascarilleiros son ricos en cascarilla, e ademais, teñen todas as vantaxes asociadas a pasear, así que durmirás mellor, aumentará a túa serotonina, a túa circulación e o teu humor.
E sen efectos secundarios!
Se queres saber máis sobre esta historia, podes apuntarte a un dos nosos paseos.
Facemos tamén visitas guiadas pola Coruña á carta, visitas teatralizadas e visitas virtuais. Adaptámonos a ti. Contáctanos para máis información.